Canon comercializa unha divertida impresora fotográfica
venres, 24 de outubro do 2008Sacar ao mercado trebellos
electrónicos en cor rosa ou vermella para atraer ao público feminino son
estratexias que demostraron funcionar no pasado, pero algunhas empresas van
moito máis aló e personalizan os seus dispositivos con motivos arriscados como
deseños de Ágatha Ruiz de la Prada ou de Hello Kitty. Nesta última liña entrou
Canon, e colleu a súa impresora fotográfica Selphy
CP770 e lles engadiu a imaxe dos michos nipóns máis comerciais da historia, nunha edición
que polo
momento só se pode mercar no Xapón.
Pero o modelo
de Hello Kitty da impresora de Canon só é unha desculpa para falar
desta excelente impresora que vén de chegar ao mercado europeo, onde se vende
por uns 142 euros, o que non está nada mal se temos en conta que se trata dunha
impresora cunha pantalla LCD de 2,5 polgadas, lector de tarxetas de memoria
(SD, miniSD, MMC, RS-MMC, MS, MS Duo e Compact Flash), compatible con PictBridge
ou Canon Direct Print (tecnoloxías integradas en moitas cámaras compactas do
mercado para facer directamente a impresión sen ter que utilizar un ordenador),
axustes automáticos para mellorar a calidade das fotografías (contando incluso
coa opción de eliminar o molesto efecto de ollos vermellos) e detalles
realmente interesantes como un estoxo especial para gardar os accesorios, o
papel e a tinta da impresora, un revestimento de protección especial que
garante que as impresións estean secas dende o primeiro momento (combinado
cunha resistencia que fai que as impresións se poidan manter con calidade
durante 100 anos) e unha velocidade bastante boa (52 segundos por impresión).
Amais tamén é posible comunicar a impresora co móbil por infravermellos ou por
Bluetooth (cun adaptador opcional).