Cangas estrea festa informática no verán: Faneka Gaming

xoves, 24 de maio do 2018 Marcus Fernández

Combinar a afección aos videoxogos coa praia no verán é posible, ou así o ven os organizadores de Faneka Gaming, un novo evento que desenvolverase no pavillón de Rodeira en Cangas do Morrazo entre os días 20 e 22 de xullo e que mesturará eSports, demostracións, obradoiros, cosplay e unha chea de actividades no que pretende ser unha LAN Party cunha identidade diferente.
Faneka Gaming dividirase en distintos espazos, de xeito que no exterior haberá unha Fun Zone (na que gozar de xogos de mesa, obradoiros e cosplay) e unha Ñam Zone (con foodtrucks e unha carpa con bancos e mesas para poder comer con calma); mentres que no interior estará a eSport Zone (na que desenvolveranse os torneos de videoxogos), a Retro Zone (para lembrar clásicos da informática e dos videoxogos), a VR Zone (onde poder probar experiencias de realidade virtual e realidade aumentada) e mesmo unha Indie Zone (para que 3 estudos de videoxogos independentes amosen os seus traballos).
No tocante aos torneos de videoxogos xa están confirmados os de Counter-Strike: Global Offensive, League of Legends e Hearthstone.
Os abonos para asistir ao Faneka Gaming xa están á venda en liña a un prezo de 13 euros/día ou de 35 euros os tres días. Tamén hai a posibilidade de adquirir un abono VIP polos 3 días por 90 euros que inclúe acceso a unha Zona VIP e un lote exclusivo de agasallos.

PUBLICIDADE