Cancelan o xogo OVERKILL’s The Walking Dead

mércores, 27 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

A franquía de Los Muertos Vivientes non está a vivir un bo momento no mundo dos videoxogos, e tras as dificultades que xurdiron tras o peche do estudio Telltale Games, temos agora o anuncio de que Skybound Entertainment decidiu retirar a licenza ao xogo de Starbreeze OVERKILL’s The Walking Dead, de xeito que en breve deixará de estar dispoñible en Steam, e cancela o desenvolvemento das versións do xogo para Xbox One e PlayStation 4.
O xogo lanzado en PC o pasado 6 de novembro estaba a preparar a súa segunda tempada e a súa conversión para consolas, pero dende Skybound non estaban satisfeitos co traballo de Starbreeze, e ante a imposibilidade de conseguir que o produto superase os estándares de calidade establecidos, prefiren soterrar o proxecto a continuar a decepcionar aos seareiros dunha franquía de tanto éxito en banda deseñada e televisión.

Pese a estar baseado nunha potente franquía, resulta complicado conseguir un shooter de zombis de calidade, posto que hai que competir coas superproducións do xénero, que tamén contan con modo zombi dende hai anos.

PUBLICIDADE