Camo Studio permite realizar directos de calidade dende o iPad
luns, 18 de setembro do 2023
Reincubate, os
creadores de Camo, unha popular
aplicación para poder empregar o móbil a xeito de cámara web engadindo moitas
opcións de cara a gravacións, directos e xuntanzas en vídeo, veñen de lanzar Camo Studio para iPad, unha
aplicación destinada a creadores de contido, aos que lles facilita o traballo
en mobilidade, xa que funcións que até o momento só podían facer cun ordenador,
agora poden facelas cun iPad dun xeito doado.
A nova aplicación permite conectar ao iPad cámaras e micrófonos, para así
realizar directos de calidade, coa opción de gardar unha copia do vídeo en
local; tamén acepta como entrada de vídeo capturadoras para así poder integrar
videoxogos nos directos; conta con funcións de imaxe-en-imaxe, sobreimpresións
web e integración de chat; e todas estas cousas poden facerse a un mesmo tempo,
polo que a experiencia que se consegue
sería semellante á de empregar OBS nun ordenador.
O máis sorprendente de Camo Studio para iPad é que Reincubate non ten previsto
cobrar pola aplicación, de xeito que temos unha ferramenta moi completa que
empregar totalmente de balde. Cómpre salientar que para funcionar precisa de iPadOS
17 e un procesador A12 ou superior, aínda que para poder retransmitir ou gravar
en segundo plano é imprescindible que o procesador sexa como mínimo un M1, mentres
que o resto de funcionalidades non ten tantas esixencias de hardware.
O Camo Studio tamén conta coa función de encadre automático, inclúe numerosos
filtros, pode retransmitir comodamente a Twitch, YouTube e servidores que
soporte RTMP, e incluso pode importar as escenas creadas na versión para PC ou
Mac da aplicación.
O que si é unha novidade absoluta é o soporte de Apple Pencil, que pode
aproveitarse para debuxar ou anotar sobre o contido dun xeito que resulte
familiar ao espectador.
Resulta abraiante o moito que pode facer esta aplicación, e pode sorprender que
non houbese nada semellante antes, nin sequera pagando, pero a resposta a iso
está precisamente no feito de que a aplicación precisa de iPadOS 17 para funcionar,
pois moitas das funcións da ferramenta eran imposibles en sistemas operativos
anteriores por limitacións impostas por Apple.
Vídeo promocional de Camo Studio para iPad