CaminoTool crea un rexistro con máis de 1.000 establecementos do Camiño adaptados á COVID-19
mércores, 8 de xullo do 2020
CaminoTool,
app galega para peregrinos do Camiño de Santiago, vén de
introducir unha relevante novidade relativa ao contexto actual de
risco sanitario e as consecuencias aínda activas da COVID-19.
Trátase dunha funcionalidade que rexistra os establecementos do
Camiño que actualmente se atopan abertos e adoptaron medidas de
protección fronte ao coronavirus.
Segundo
informan os creadores da ferramenta, “é unha iniciativa única
destas características e gratuíta para os establecementos, cuxo
obxectivo é apoiar a reactivación turística e económica da Ruta
Xacobea”.
O
rexistro, en constante actualización, canalízase a través da app,
e conta xa con máis de 1.000 establecementos das rexións polas que
atravesan as principais rutas do Camiño (principalmente Galicia,
Asturias, Cantabria, País Vasco, A Rioxa, Navarra, Castela e León e
Estremadura).
Este
acubillo online de locais abertos que garanten medidas
sanitarias específicas está dispoñíbel a través do botón
COVID-19 Adaptado, que permite xeolocalizalos no mapa e nas
diferentes rutas. Con esta iniciativa, os creadores da ferramenta
pretenden “apoiar a reactivación turística e económica da Ruta
Xacobea, permitida xa a mobilidade nacional e abertas as fronteiras e
o espazo aéreo para a chegada de turistas internacionais”.
O
rexistro de CaminoTool elaborouse a partir de enquisas directas aos
propietarios ou directores de establecementos que permitiron coñecer
en detalle as súas datas de reapertura e os aspectos tidos en conta
para garantir, na medida do posíbel, unha estadía segura aos seus
clientes.
Trátase
dunha “lista viva”, informan, “en constante actualización e
totalmente gratuíta para os negocios do Camiño”, que a día de
hoxe conta con 1.050 establecementos adaptados fronte ao COVID-19.
Deles, o 85% son aloxamentos, albergues e hostais, mentres que o 15%
restante corresponde a servizos como restaurantes, taxis, farmacias,
clínicas fisioterapéuticas ou servizo de bicicletas.
As
seis principais rutas do Camiño de Santiago (o Camiño do Norte, o
Francés, o Inglés, o Portugués, o Primitivo e o de Fisterra)
dispoñen na actualidade de establecementos abertos que tomaron
medidas de protección contra o coronavirus e están preparados para
dar cobertura aos peregrinos no seu percorrido.
“Grazas
ao desenvolvemento constante da tecnoloxía e ao deseño dinámico da
aplicación puidemos incorporar este botón nun tempo marca, para que
quen tivese nas súas previsións facer a Ruta Xacobea non se botase
atrás e tivese a tranquilidade de saber que atopará onde aloxarse
de maneira segura”, explica Víctor García, co-fundador de
CaminoTool.