Cámara Insta360 ONE X2, agora con pantalla táctil integrada

xoves, 29 de outubro do 2020 Marcus Fernández

A evolución da tecnoloxía de estabilización de imaxe de Insta360 conseguiu que a súa cámara Insta360 ONE X pasase a ser o grande referente dentro das cámaras de 360 graos de uso doméstico, e os amantes deste tipo de dispositivos teñen finalmente a súa renovación, a Insta360 ONE X2, que segue a última tendencia das cámaras de acción á hora de incorporar novidade: integrar unha pequena pantalla que facilite a previsualización sen ter que empregar o móbil como pantalla externa.
A Insta360 ONE X2 é unha cámara capaz de gravar vídeo en 360 graos con resolución 5,7K, ten certificación acuática IPX8, ten a mencionada pantalla táctil para facilitar o seu control e a visualización do contido captado e está apoiada por numerosas funcións impulsadas por intelixencia artificial e aplicacións informáticas que axudan a editar os contidos captados.
A cámara ofrece 4 formas principais de gravar (360, Steady Cam, InstaPano e MultiView), polo que trátase dun produto moi versátil que pode levarse no peto. A captura en 360 graos permite captar todo o que hai ao redor durante as gravacións sen ter que apuntar a cámara cara a un obxectivo en concreto; pódese aproveitar a cámara para gravar vídeos planos tradicionais estabilizados; permite captar fermosos panoramas; e incluso ofrece a posibilidade de gravar dous ángulos á vez, o que pode resultar práctico para que un videoblogger amose a súa reacción ao que está a filmar.
As gravacións coa Insta360 ONE X2 manteñen efectos como o borrado do pau de selfie empregado na cámara (dando a impresión de que a cámara está frotando no aire coma se fose un dron), conta con distintas opcións de edición para crear efectos cinematográficos, poden aproveitar a tecnoloxía de seguimento de suxeitos para que o elemento máis importante estea sempre centrado; e tamén pódese deixar que a intelixencia artificial elixa o ángulo de gravación (sendo posible reencadrar manualmente os vídeos).
A cámara tamén mellora o rango dinámico das fotografías con pouca luz co modo PureShot e, para que ao somerxerse na auga as cores non se estraguen ten a función AquaVision que permite que o contido subacuático manteña a súa nitidez sen precisar de filtros externos nin edición. Por si mesma a cámara soporta somerxerse até 10 metros de profundidade, existindo unha funda de protección que permite baixar até 45 metros de profundidade.
A batería de 1.630 mAh da Insta360 ONE X2 permite gravar até 80 minutos de vídeo, o que é unha autonomía bastante boa para unha cámara tan compacta, que desta volta integra funcionalidades moi prácticas como poder emparellarse con AirPods para o control por voz ou para gravar audio mentres se está en movemento, así como tamén pode retransmitir vídeo en 360 graos en directo (a través de Facebook ou YouTube) e incluso empregarse como webcam ofrecendo unha vista de pantalla dividida de grande angular que pode resultar moi práctico para a realización de xuntanzas virtuais.
A Insta360 ONE X2 sae á venda por 489,99 euros, podendo adquirise en diferentes paquetes incluíndo accesorios de distinto tipo como baterías adicionais, tarxetas de memoria, paus de selfie, carcasas de protección, protectores de lente ou sistemas para suxeitar a cámara no guiador dunha motocicleta ou nun casco.

A Insta360 ONE X2 pode empregarse a xeito de cámara deportiva

Vídeo promocional da Insta360 ONE X2

PUBLICIDADE