Call of Duty: Black Ops III para PS3 e Xbox 360 non terá Campaña
venres, 25 de setembro do 2015
Dado
que estamos xa somerxidos na nova xeración de consolas de videoxogos, os
títulos desenvolvidos para a anterior xeración comezan a padecer as consecuencias
do cambio xeracional en forma de menores investimentos que no caso do xogo Call of Duty: Black Ops III
para Xbox 360 e PlayStation 3 tradúcense nunha ausencia moi rechamante: o
xogo contará só cos modos Multi-xogador e Zombies, carecendo do modo de Campaña.
Deste xeito, a Campaña cooperativa de até 4 xogadores limitarase ás versións de
PS4, Xbox One e PC.
Se ben dende Activision aseguran que a nova Campaña non podía recrearse
fielmente en máquinas da anterior xeración, estamos ante unha evolución que non
debería sorprendernos excesivamente, xa que moitos dos shooters en primeira persoa que hai no mercado levan anos
prescindindo da campaña para orientarse directamente ao xogo en liña.
De todos os xeitos as versións para PS3 e Xbox 360 de Black Ops III contarán cunha xogabilidade bastante completa,
incluíndo moitas das funcionalidades que foron incorporando ás súas versións para
consolas de nova xeración como o encadeamento de movementos ou a nova clase
engadida, a dos especialistas, que supón un importante cambio na xogabilidade.
Resulta inevitable ter a impresión de que os responsables do xogo quixeron
cernar as versións para vellas consolas como un incentivo para o salto
xeracional, pois non podemos esquecer que existe unha grande masa de xogadores
que limita as súas compras de videoxogos ao shooter
e o xogo deportivo que estean de moda, de xeito que as grandes exclusivas que
saen en cada plataforma non son incentivo dabondo para o salto de xeración.