Call of Duty: Black Ops II sairá o 13 de novembro

mércores, 2 de maio do 2012 Marcus Fernández

Activision por fin presentou o primeiro trailer da nova entrega da saga bélica Call of Duty, que como era de prever trátase de Black Ops II e está a ser desenvolvida por Treyarch, fixándose a súa chegada para Xbox 360, PlayStation 3 e PC o vindeiro 13 de novembro, a tempo para arrasar no Nadal como vén a ser costume.
Esta nova aventura de acción terá lugar en 2 liñas temporais: unha centrada na Guerra Fría (entre EE.UU. e China), continuando a súa anterior entrega, e outra ambientada en 2025, onde armas e tecnoloxía deron lugar a un novo xeito de guerra.

No modo Strike Force poderemos decidir superar misións con tanques armados

Call of Duty: Black Ops II contará cun novo modo Strike Force que ofrecerá multitude de misións que poderán enfrontarse de 4 modos distintos (como soldado, con drones aéreos, con tanques armados ou con escuadróns aéreos) o que mellorará a súa rexogabilidade. Tampouco faltarán un grande modo multi-xogador e un modo zombis que promete ser o máis grande visto ata o momento.
Para facernos unha idea da inmensidade desta nova entrega do produto estrea de Activision anunciaron que, aparte de traballar no mesmo 250 profesionais de Treyarch, contaron con outros 50 máis para depurar o título ao máximo.


Novo trailer en español de Call of Duty: Black Ops II

Unha das tramas do xogo terá lugar en 2025
Poderemos optar por solucionar misións controlando drons

PUBLICIDADE