Call of Duty: Black Ops 3 estrea beta multi-xogador para PS4

mércores, 19 de agosto do 2015 Marcus Fernández

A partires de hoxe, os usuarios de PlayStation 4 que conseguisen un código de acceso, poden participar xa na beta do multi-xogador de Call of Duty: Black Ops III, título que está a desenvolver Treyarch e que non probará o multi-xogador para Xbox One e PC até o 26 de agosto. Un dos xeitos máis doados de conseguir un código para acceder á beta do xogo é reservando o xogo final antes do seu lanzamento (previsto para o 6 de novembro) e, de feito, os usuarios que comprasen o xogo con antelación a través da PlayStation Store poderán gozar da beta dende hoxe mesmo (sen ter que canxear códigos).
A beta pretende introducir ao xogador en elementos que buscan mudar o concepto de multi-xogador, cun novo sistema de movementos encadeados que permiten ao xogador moverse de xeito fluído polo contorno sen perder en ningún momento o control das súas armas. Tamén estrea o sistema de personaxe especialista (mediante o que o xogador pode subir de nivel e dominar armas e capacidades de combate específicas de cada personaxe, e dos que na beta estarán presentes 2 dos 6 anunciados) e conta con mapas deseñados tendo en conta todas estas melloras (na versión de proba só estarán dispoñibles 3 mapas que se adaptan a varios estilos de xogo). Cómpre destacar que a beta só está dispoñible en inglés, alemán e francés, e estará dispoñible só por tempo limitado.

O xogo estrea a figura dos especialistas, dos que xa se anunciaron 6 tipos, estando 2 dos mesmos presentes na beta

Trailer da beta do multi-xogador de Call of Duty: Black Ops III

PUBLICIDADE