Call of Duty: Advanced Warfare encabeza as vendas de videoxogos en Reino Unido

luns, 22 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Aínda que en cada campaña de Nadal sempre teñamos algún xogo revolucionario e prometedor, que conta cunha boa aceptación do público e da crítica, parece inmutable o feito de que un par de franquías parecen dominar con firmeza as listaxes de vendas de videoxogos, e se atendemos aos resultados das vendas das que veñen de dar conta dende o Reino Unido podemos entender que o Nadal de 2014 non vai ser unha excepción, e Call of Duty: Advanced Warfare xa está en cabeza, colocándose xusto por diante de FIFA 15, o outro xogo que para moitos é unha compra obrigada ano tras ano (aínda que o ano pasado foi o xogo de fútbol o que logrou pórse en cabeza).
Pode resultar rechamante comprobar que na terceira posición en vendas están Grand Theft Auto 5, xa que trátase dun xogo que xa ten moitos meses ás costas en consolas da anterior xeración, pero que na súa versión de PlayStation 4 está a ser o xogo máis vendido nunha única plataforma, o que é un logro impresionante.
Os seguintes xogos en vendas no Reino Unido serían Far Cry 4, Assassin’s Creed: Unity, The Crew, Destiny, Minecraft Xbox Edition, Minecraft PlayStation Edition e LEGO Batman 3: Beyond Gotham.

JPEG - 61.9 KB
O toque futurista de Call of Duty: Advanced Warfare parece ter convencido aos incondicionais da franquía bélica

PUBLICIDADE