Cabaleiros, viquingos e samurais bátense corpo a corpo en For Honor

martes, 14 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Por fin sae a venda un dos grandes xogos de Ubisoft para a primeira metade do ano, For Honor, que xa podemos mercar para PlayStation 4, Xbox One e PC, e que somerxe ao xogador no caos dunha encarnizada guerra entre cabaleiros medievais, viquingos e samurais, estilos de combate que poranse a proba no corpo a corpo para comprobar dun xeito moi inmersivo como chegaron a destacar entre os mellores guerreiros da historia da humanidade.
O xogo conta cun innovador sistema de control coñecido como A Arte da Batalla, que dá un control total dos guerreiros e das súas distintas habilidades e armas, transmitindo con grande realismo a intensidade do combate, tanto na súa campaña para un xogador como no seu emocionante modo multixogador.
For Honor permite elixir entre 12 heroes a manexar (con cadanseu conxunto de armas e estilo de combate) e que na súa campaña permitirán que vexamos con detalle cada unha das faccións que compoñen esta guerra ficticia na que veremos dende o asalto a fortalezas até duelos de grande intensidade, sendo o obxectivo final facer fracasar os plans das sanguinaria señora da guerra Apollyon.
O multixogador tamén será moi completo, con 5 modos de xogo: Dominio (4 contra 4), Pelexa (2 contra 2), Duelo (1 contra un), combate a morte por equipos (4 contra 4) e Eliminación (4 contra 4).

Tráiler de For Honor

PUBLICIDADE