CPEIG e a AMTEGA pechan este domingo o programa TechKids cunha gran xornada de obradoiros

luns, 21 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

O programa TechKids, posto en marcha polo CPEIG e AMTEGA para facer agromar na rapazada galega a semente das vocacións tecnolóxicas, está a piques de dar a súa nota máis alta, logo dunha xira que achegou obradoiros e actividades diversas en todos os recantos da nosa xeografía. Será este domingo 27 de outubro, na Cidade da Cultura: o día e o emprazamento elixidos para a xornada final da convocatoria actual do programa. A cita constituirá o broche de ouro dos obradoiros de programación, de robótica, de drons e de animación 3D desenvolvidos estes meses pasados nunha manchea de concellos. O evento celebrarase de 11:00 a 14:30 horas no Edificio do Centro de Innovación Cultural (CINC) da Cidade da Cultura de Galicia (Monte Gaiás s/n) en Santiago de Compostela.
A actividade, enmarcada en DigiTalent, está destinada a “estimular o talento precoz no ámbito das Tecnoloxías da Información e Comunicacións, as TIC, así como fomentar o atractivo vocacional de profesións científico-tecnolóxicas entre a poboación máis nova”, en palabras do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. En concreto, a organización ten prevista a participación de aproximadamente un centenar rapaces e rapazas de 10 a 17 anos nunha xincana tecnolóxica con seis obradoiros diferentes.
Un dos obradoiros, Tech escape room, está deseñado para rapaces de 10 a 15 anos. Segundo informan as dúas entidades devanditas, o taller baséase nun deseño orixinal, coas mulleres como protagonistas e uns obxectivos claros: fomentar o goce pola aprendizaxe e o rendemento académico, a motivación do público participante e desenvolver competencias relativas á capacidade de liderado, traballo en equipo e capacidade crítica. “Nesta actividade, os participantes farán uso de contidos matemáticos para crear enigmas, xogos e crebacabezas que necesitarán resolver para poder escapar da sala na que estarán pechados”, informa o CPEIG.
Outra das actividades centrarase no mundo dos drons. Os rapaces, de 13 a 17 anos, que participen no obradoiro de Drones Leo Racing gozarán da experiencia de pilotar vehículos áreos non tripulados e aprenderán diferentes aspectos técnicos de maneira lúdica e activa. Para iso, a actividade comezará cunha sesión formativa sobre normas básicas e técnicas de voo, que poderán ser experimentadas de primeira man nunha zona de probas. Logo farase unha demostración dun circuíto de obstáculos con zonas LED.
Ademais, os rapaces e rapazas de 10 a 14 anos poderán participar na actividade Microbit Experience, onde poderán facer divertidos programas para crear emojis en movemento, enviar mensaxes secretas entre as microbils, amais de programar varios xogos, como o de fronte ou cruz ou a realizar un dado electrónico. Microbit, para quen non o saiba, é un computador programábel de pequeno tamaño e con detección de movemento, un compás incorporado e tecnoloxía Bluetooth creado para a educación. Conta coa súa propia contorna de programación gráfica, un editor de bloques de JavaScrip, pero tamén se pode programar con outras linguaxes que permiten un nivel máis avanzado.
Amais do devandito, a organización tamén incluíu o obradoiro de Leap Motion, un sensor de movemento que permite controlar o computador mediante xestos que se realizan no aire. O obxectivo é permitir que os máis pequenos “debuxen no aire, movan estruturas ou constrúan coas súas mans, todo reflectido nun videoxogo”. Por exemplo, o xogo permite mover as mans coma se se estivese a dar a volta á bóla do mundo e navegar así por Google Maps.
Por outra banda, tamén haberá unha actividade sobre Electric Paint, un xogo que permite experimentar con pintura condutiva que funciona sobre unha manchea de superficies como roupa, móbeis, paredes, teas, etc. “Estas pinturas á auga”, informa o CPEIG, “posúen a propiedade de conducir a electricidade e son axeitadas para crear circuítos brandos e fabricar sensores, por estes e outros motivos trátrase dunha actividade ideal para iniciarnos na electrónica e a programación, ao mesmo tempo que axuda aos rapaces a poñer en práctica os coñecementos artísticos”.
Na xornada tamén terá cabida o cinema. Así, os pequenos de todas as idades poderán participar no obradoiro A maxia do cine, no que se lles aprenderá a converterse en actrices e actores, en protagonistas da súa propia aprendizaxe facendo aparicións nas súas películas favoritas.
De maneira simultánea, celebrarase de 12 a 14 horas dúas conferencias sobre o mundo dos videoxogos e a animación do director e fundador do Congreso Internacional de Animación, Efectos Especiais e Novos Media Mundos Digitales, Manuel Meijide, e o co-fundador da produtora audiovisual Illusorium Studios (recoñecido estudio de postprodución nacional especializado en 3D), Raúl Rocha. Durante esta sesión de traballo, o devandito festival presentará en primicia a nova rede social de Facebook, baseada en Realidade Virtual e con escenarios recreados pola compañía española Illusorium Studios. Raúl Rocha fará a presentación e repasará os fitos e oportunidades dun proxecto destas características.
Ademais, Meijide impartirá una conferencia na que exporá as posibilidades profesionais que o sector da creación dixital está a demandar, centrándose sobre todo na animación e os videoxogos. “O sector dos contidos dixitais atópase nun momento moi doce, no que se requiren profesionais cualificados, por iso debemos orientar á mocidade cara este sector enriquecedor, que engloba creatividade e tecnoloxía, e á vez tan prometedor de cara ao futuro”, explica Meijide.
As inscricións na xornada poden facerse vía web.

PUBLICIDADE