CO2 Smart Tech amosará en Santiago os beneficios das TIC aplicadas á xestión enerxética

luns, 27 de outubro do 2014 Redacción

A empresa galega CO2 Smart Tech quere levar os seus achados en materia de aforro de recursos ás compañías da nosa terra. A mellor forma de facelo? Pois, en primeiro lugar, ir canda elas. Nisto vai consistir a xuntanza programada para este xoves 30 de outubro, en colaboración coa Asociación Empresarial Área do Tambre (AEPIT) de Santiago, a xornada Innovación aplicada á xestión enerxética, que se vai desenvolver no Centro de Formación desta entidade (Vía Edison 1) a partir das 19.30 horas.
Segundo nos conta Carlos Vázquez-Pimentel, do equipo de CO2 Smart Tech, na cita incidirase nos beneficios, tanto en termos enerxéticos como económicos, que proveñen da aplicación de solucións TIC no eido da eficiencia, a rendibilidade e o aforro de recursos. Polo tanto, amosaranse aos participantes (“de maneira práctica e conceptual”) as claves para reducir os custos de enerxía, pasos e metodoloxía a seguir, e como acadar o éxito na eficiencia enerxética.
Alberto Méndez, director e socio-fundador e Gema Rodríguez, responsábel financeira da empresa galega, serán os relatores da conferencia. Ao remate da mesma os participantes que o desexen poderán ve-lo funcionamento dunha instalación real co software co2t-tem, do que xa temos falado en detalle dende Código Cero, salientando a súa orixe na empresa galega CO2 Smart Tech e as súas principais vantaxes. Engadir que esta ferramenta incorpora cada pouco importantes novidades e funcionalidades que amplían e reforzan as súas solucións de uso e portabilidade para tabletas e dispositivos intelixentes.
O evento está destinado principalmente a xerentes, enxeñeiros e técnicos do sector industrial e de servizos (gran terciario), profesionais interesados en “adquirir unha ampla e innovadora visión en materia de control xestión e enerxía”, sinala a empresa.