CITIC e FEUGA organizan obradoiros para presentar candidaturas ao European Research Council

venres, 15 de outubro do 2021 S. P.

O Centro de Investigación TIC da UDC (o CITIC) e a Fundación Empresa e Universidade de Galicia (FEUGA) organizan de maneira conxunta unha serie de obradoiros de traballo destinados á presentación de proxectos tecnolóxico-científicos en Europa. En concreto, o obxectivo do programa Prepara a túa candidatura para ERC é asesorar ao persoal investigador na presentación de propostas ás convocatorias do European Research Council (ERC). O pasado mércores 6 de outubro deu comezo a serie de workshops Casos de éxito e experiencias de beneficiarios de ERC.
Nesta primeira sesión, o programa contou co relatorio do investigador do Laboratorio de Procesado de Imaxes da Universidade de Valencia, Gustau Camps-Valls, que presentou USMILE – Understanding and Modelling the Earth System with Machine Learning, proxecto Synergy Grant que iniciou o ano pasado. O investigador deu a coñecer o seu proxecto e explicou a súa experiencia persoal canto á participación en proxectos ERC, xa que recibiu unha Consolidator Grant.
O 13 de outubro celebrouse unha nova sesión dos workshops da man do investigador da Universidade Pompeu Fabra, Gegely Neu, que presentou Provably Efficient Algorithms for Large-Scale Reinforcement Learning (ScaleR), que deu comezo o pasado 1 de outubro e desenvolverase durante os próximos cinco anos. O investigador explicou os puntos clave do proxecto, así como a súa experiencia persoal na preparación da proposta.
O programa Prepara a túa candidatura para ERC proseguirá a vindeira semana cunha última sesión; será unha mesa redonda con persoal investigador da UDC que foi beneficiario de proxectos da ERC.

PUBLICIDADE