CITIC Censa xa ten gañadores para o reto lanzado ao abeiro de Galicia Open Future
venres, 15 de novembro do 2019
Xa
hai entidades gañadoras para
o Reto Industria 4.0 lanzado por CITIC Censa ao abeiro do centro
de crowdworking tecnolóxico Galicia Open Future, impulsado
por Telefónica dende a Cidade da Cultura en Santiago. Segundo
informa a operadora, a empresa Siali tratará de mellorar o proceso
de fabricación de pezas metálicas semicilíndrica, e o CEIT (Centro
de Estudos de Investigacións Técnicas con sede en Guipuskoa),
encargarase de emendar problemas de perforación en.
Como
lembraremos, a firma CITIC Censa, situada no Porriño, é unha
empresa de caldeirería pesada e recipientes a presión que iniciou a
súa actividade en 1965, e que no ano 2011 foi integrada dentro do
grupo CITIC, un holding chinés que emprega a 140.000
persoas en negocios tan diversos como banca, seguros, enerxía,
enxeñaría, tecnoloxías da información e industrias do metal.
No
caso particular de CITIC Censa, o 80% da súa actividade está
centrada na fabricación de grandes pezas metálicas (sobre todo
muíños e fornos) destinadas ao sector da minería, unhas pezas de
gran envergadura que, polas súas características, precisaban unhas
condicións axeitadas e específicas de carrexado. Deste punto, da
necesidade de facilitar o seu transporte, abrollan os dous retos
achegados pola empresa.
Polo tanto, os desafíos tiñan
relación directa co seguinte: como poden as novas tecnoloxías
axudar a CITIC Censa a mellorar o proceso de mecanizado de pezas
metálicas semicilíndricas de gran tamaño, por unha banda, e de
pezas planas por outro?
No caso da proposta orientada ás pezas
semicilíndricas, CITIC Censa buscaba solucionar o problema que xorde
cando as pezas se deforman lixeiramente debido á gravidade, a
temperatura, as tensións de fabricación e a propia memoria do
material, o que fai que os centros dos puntos marcados e cargados
segundo plano no Control Numérico por Computadora (CNC) non
coincidan co punto real sobre a peza dividida, o que obriga aos
operarios a ir axustando manualmente a máquina para que as
coordenadas correctas se aliñen co punteiro que está fixado ao CNC.
No caso das pezas planas, nas que se centraba o segundo reto,
tratábase de achar solucións técnicas para resolver problemas de
perforación asociados sobre todo ás irregularidades das
superficies.
Con ambos desafíos, CITIC Censa tiña o obxectivo
de “reducir os tempos de mecanizado das pezas, mellorar os prazos
de fabricación e aumentar a capacidade produtiva”.
Siali
Technologies e CEIT
Siali
Technologies, radicada en Santander e especializada en automatización
industrial a través de visión artificial, tratará de mellorar o
proceso de fabricación de pezas metálicas semicilíndricas de gran
tamaño. Estas deben ser seccionadas para o seu transporte e
posterior ensamblaxe en destino, pero, como dixemos, sofren unha
lixeira deformación que provoca diferenzas entre a peza real xa
dividida e a cargada no Control Numérico por Computadora (CNC),
segundo o plano, e que provoca que os operarios teñan que axustar
manualmente a maquinaria para facer coincidir as pezas.
Pola
súa banda, o CEIT buscará solucións técnicas para resolver
problemas de perforación nas pezas planas asociados,
fundamentalmente, ás irregularidades das superficies.
Siali
Technologies e CEIT foron elixidas por un comité técnico de
avaliación, tendo en conta criterios como o problema que resolven, o
seu grao de adecuación ao reto, a adicación do equipo ou o tempo de
posta en marcha das solucións.
Tras
a súa designación como gañadoras, Siali Technologies e CEIT
desenvolverán nos vindeiros meses un piloto da súa solución con
CITIC Censa, para o que recibirán unha axuda de 20.000 euros da
Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN),
dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
Ademais,
tanto os gañadores como o tres finalistas de cada reto poderán
acceder a un programa de aceleración dentro do ecosistema Open
Future de Telefónica, e recibirán un patrocinio de 10.000 euros,
achegado por GAIN, como recoñecemento ao seu esforzo innovador.
Transcorrido o tempo de aceleración, seleccionarase á mellor do
tres finalistas, que recibirá unha axuda adicional de 10.000 euros
achegada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
(AMTEGA).
Á
parte das achegas económicas directas, Siali Technologies e CEIT
poderán acceder a un préstamo participativo, até un máximo de
100.000 euros concedido por XesGalicia, dependente da Xunta de
Galicia. No caso das finalistas, a un préstamo participativo de até
50.000 euros, tamén concedido por XesGalicia.
Coa
súa participación na edición Retos Industria 4.0 de Galicia Open
Future, CITIC Censa busca mellorar os prazos de fabricación e
aumentar a capacidade produtiva da súa planta do Porriño.
Convértese así nunha das cinco grandes empresas galegas (Pescanova,
FINSA, COREN e COFRICO), que até o momento lanzaron desafíos
dirixidos a emprendedores, startups, PEME e organismos de
investigación de todo o mundo, a través de Galicia
Open Future.