Bully celebra os seus 10 anos estreando versión móbil

venres, 9 de decembro do 2016 Marcus Fernández

O videoxogo de Rockstar Games coñecido nos EE.UU. como Bully e en Europa como Canis Canem Edit, causou moito rebumbio en 2006 pola súa ambientación escolar na que non faltaban abusóns, pelexas e trasnadas, e agora volve á carga cunha edición de aniversario para dispositivos móbiles, de xeito que xa podemos mercar por 6,99 euros Bully: Anniversary Edition en Google Play e na App Store, para así poder encargar ao mozo Jimmy Hopkins nun colexio privado no que gañarse unha reputación, soportar a presión dos profesores, derrotar aos deportistas xogando ao balón prisioneiro, gastar bromas, ligar e, en definitiva, sobrevivir o curso nun colexio decadente.
O xogo ten aires que lembran aos Grand Theft Auto, pero mudando a súa ambientación radicalmente, e nesta versión móbil pódese gozar dun control adaptado a pantallas táctiles (aínda que cómpre destacar que o xogo é compatible con mandos físicos), dun modo multi-xogador por quendas e duns gráficos mellorados que fai que nas pantallas actuais non se vexa pobre un xogo nacido na xeración da PlayStation 2.

Tráiler de Bully Anniversary Edition

PUBLICIDADE