Broadcom mercará VMware por 61.000 millóns de dólares

venres, 27 de maio do 2022 Marcus Fernández

A empresa de semicondutores Broadcom anunciou o peche dun acordo para a compra da empresa de servizos na nube e virtualización VMware nunha operación na que valoran a empresa en 61.000 millóns de dólares, que pagarán en efectivo e accións, asumindo tamén Broadcom a actual débeda neta de VMware (que ascende a 8.000 mill´nos de dólares).
Estamos ante unha das operacións de compra máis grandes da historia de industria tecnolóxica (só detrás da compra de EMC por parte de Dell e de Activision Blizzard por parte de Microsoft). De non atopar atrancos por parte dos organismos reguladores Broadcom conseguiría así fortalecer os seus negocios de software e computación na nube. Curiosamente os negocios de software de Broadcom pasarían a comercializarse baixo o paraugas da marca VMware, máis recoñecible neste ámbito (mentres que Broadcom é máis popular polos seus chips).
Está previsto que a operación de compra de VMware por parte de Broadcom poida completarse no ano fiscal de 2023.

PUBLICIDADE