Brión conmemora o Día de Rosalía cunha semana de actividades nas redes

xoves, 18 de febreiro do 2021 Redacción

O Concello de Brión vai celebrar o Día de Rosalía (o 24 de febreiro) cunha semana de actividades nas redes sociais. Trátase do programa Imaxes para mil versos, que se vai desenvolver entre os días 22 e 28 nas comunidades online onde o Concello e a Biblioteca Municipal teñen presenza. O miolo das actividades será unha achega diaria de imaxes e textos de Rosalía así como vídeos breves sobre a súa vida e a súa obra.
A concelleira de Cultura, Sandy Cebral, explicou que “combinando palabras e imaxes queremos homenaxear a Rosalía de Castro, figura sobranceira e clave das nosas letras” e lanzou un convite á veciñanza “a participar na campaña e compartir connosco algunha imaxe da autora, un texto ou un vídeo breve no que reciten algunha estrofa sobre Rosalía”.
Para participar só é preciso compartir o vídeo, texto ou imaxe co cancelo #diarosaliaenbrion e citando á @bibliotecadebrion no Facebook ou a @bibliobrion no Twitter.
Con esta iniciativa, o Concello de Brión conmemora un ano máis o Día de Rosalía, “ante a imposibilidade de organizar as tradicionais actividades presenciais”, sinalou o Goberno local.

PUBLICIDADE