Breofighters pretende ser un grande torneo coruñés de xogos de loita

venres, 20 de setembro do 2019 Marcus Fernández

A Asociación Breogaming, dedicada á celebración de eventos de competicións electrónicas da comunidade de xogos de loita, pretende celebrar este ano a primeira edición do torneo Breofighters, para o que teñen previsto xuntarse os días 2 e 3 de novembro no espazo Hack A Bos (na Avda. Linares Rivas nº 50 da Coruña) para desenvolver catro torneos dos videoxogos Street Fighter V, Super Smash Bros. Ultimate, Dragon Ball FighterZ e Tekken 7.
Con esta celebración queren achegar a Galicia á crecente comunidade ao redor dos xogos de loita, que existe dende primeiros dos anos 90 e que cada vez ten un maior nivel de participación, espectáculo e importancia no mundo dos eSports.
Esta iniciativa quere que A Coruña sexa o punto de referencia dos xogos de loita en Galicia, e consideran que nesta primeira edición Breofighters podería chegar a ser o cuarto maior evento deste tipo a nivel español.
O encontro comezará o sábado 2 de novembro cunha fase eliminatoria na que dividirase aos xogadores en grupos, clasificándose os primeiros de cada grupo para as finais. A apertura de portas sería ás 10:00 horas e o evento duraría até a finalización das eliminatorias.
O domingo 3 de novembro tería lugar a fase final, cos 8 primeiros clasificados en cada xogo, até que só quede un campión.
A inscrición para esta competición será en liña e de pagamento, aínda que tamén permitirase a inscrición presencial o propio día do torneo (antes do seu inicio), sendo o formato elixido para a competición o de dobre eliminación (ou sexa, que calquera xogador derrotado terá unha segunda oportunidade de conseguir a vitoria progresando no camiño dos perdedores, aínda que unha segunda derrota si suporía a eliminación do torneo. Os combates serán ao mellor de tres, agás no Top 4, que será ao mellor de cinco.
O éxito desta convocatoria podería supor a incorporación futura do evento no calendario de competicións oficiais como a liga Dragon Rush ou o Capcom Pro Tour, figurando xa como dojo do Tekken World Tour.

PUBLICIDADE