Brain Training terá versión para Nintendo Switch

luns, 30 de setembro do 2019 Marcus Fernández

Un dos títulos de maior éxito para Nintendo DS, á vez que un importante motor das súas vendas, foi o Brain Training, que chegou ao noso mercado en 2006 e, pese a que esta creación do doutor Kawashima non ten unha efectividade maior para manter activo o cerebro que facer un sudoku, xogar ao Tetris ou falar cos amigos, iso non impediu que dese pé a toda unha serie de xogos para Nintendo DS e 3DS estreados até 2012.
Nintendo considerou que é un bo momento para que esta franquía chegue a Switch, e anunciou no Xapón unha nova entrega na que queren repetir a mesma fórmula de éxito, para así chegar a un público de avanzada ideade, que aínda non se achegou á última consola da compañía nipoa.
O novo xogo sairá á venda no Xapón o 27 de decembro, será moi semellante ao título orixinal ao combinar quebracabezas matemáticos, probas de memoria e retos de recoñecemento de patróns, pero aproveitando os Joy-Cons para ofrecer a posibilidade como botar partidas a 2 xogadores, e permitindo tamén o uso dun lapis dixitalizador rudimentario (que poderá mercarse por separado) que facilitará unha experiencia semellante á que se tiña nas consolas con dobre pantalla de Nintendo.
De ter boa acollida no Xapón podemos confiar en que o xogo chegue a Europa ao longo do ano que vén.

Vídeo promocional do Brain Training para Nintendo Switch

PUBLICIDADE