Bq desaparece de xeito caótico

xoves, 26 de novembro do 2020 Marcus Fernández

Ao longo de 2018 materializouse a compra de Bq por parte dunha empresa vietnamita, respondendo á forte perda de cota de mercado de Bq, compañía que tras anos sendo unha das marcas de smartphones máis fortes do mercado español non foi quen de competir co desembarco oficial de fabricantes chineses como Xiaomi.
Tras a toma de control de Bq por parte do Vingroup non volvemos escoitar falar de móbiles importantes das marcas Bq ou Vsmart (esta última, a marca propia que buscaba potenciar Vingroup e que practicamente non ten presenza fóra de Vietnam), de aí que non sorprenda a reportaxe publicada en Xataka na que aseguran que os empregados de Bq levan meses sen cobrar e os clientes con teléfonos en garantía quedaron abandonados polo fabricante.
Ao parecer, os móbiles coa marca Bq continuaron a venderse até marzo de 2019, momento tras o que os traballadores realizaban desenvolvementos para terceiros e mantiñan o soporte dos seus teléfonos, até agora, cando nin sequera está operativa a páxina web da marca, e as súas contas en redes sociais tamén están abandonadas, de xeito que os consumidores con smartphones de Bq en garantía non teñen como dirixirse ao fabricante para reclamar os seus dereitos.
Aseguran que os empregados de Bq levan un par de meses sen cobrar e a empresa estaría en concurso de acredores, entendéndose que esta desastrosa desaparición é consecuencia da conxuntura económica actual, xa que a pandemia azoutou duramente ao Vingroup nas súas distintas divisións, con peches en masa na súa cadea de supermercados, fortes perdas no negocio de automóbiles e, por suposto, no de complexos turísticos. No caso de Vsmart, polo momento desbotaron as súas intencións de comercializar os móbiles da marca en Europa, de aí que poidamos asegurar que o que acontece con Bq é a crónica dunha morte anunciada.

PUBLICIDADE