Bota o peche a publicación de videoxogos de máis antigüidade

venres, 30 de maio do 2014 Marcus Fernández

Nos últimos anos non son poucas as publicacións dedicadas ao mundo dos videoxogos das que demos conta do cesamento das súas edicións, en boa medida por ser un dos sectores nos que os lectores máis rapidamente deron o salto aos soportes dixitais de lectura, pero agora dende MCV están a dar conta do que sería o peche da revista de videoxogos máis antiga do mundo, xa que a editorial Future estaría a padecer unha reestruturación froito das perdas acumuladas que saldaranse co despedimento de 170 traballadores no Reino Unido e co peche da histórica CVG (Computer & Video Games), revista que nacera en novembro de 1981 baixo o lema de “a primeira revista divertida de informática”. Future tamén pretende pechar Edge Online e as páxinas web das revistas oficiais de PlayStation, Xbox e Nintendo.
Cómpre destacar que a revista CVG xa cesara de imprimir a súa edición en papel en 2004, converténdose nun medio puramente dixital, medio no que Future non parece ter atinado, pois curiosamente botará o peche da edición dixital de Edge mentres continúa a publicarse en papel, deixando claro que o negocio na Internet desta compañía non conseguiu manter a súa sustentabilidade, mentres que na Rede teñen bastante pulo medios que non naceran nos quioscos.

PUBLICIDADE