Boiro comeza a retransmitir os plenos vía streaming

mércores, 11 de setembro do 2019 Redacción

O Concello de Boiro segue adiante co seu programa de impulso dixital, destinado a ampliar a cobertura nas parroquias, a poñer o foco na información e a comunicación nas redes sociais e, tamén, a fomentar a transparencia e a participación pola vía tecnolóxica. Neste último punto sitúase a novidade confirmada hoxe polo Goberno local: o fornecemento, a partir deste mércores, da retransmisión en directo dos plenos en streaming.
Os contidos poderán verse a través da canle de Youtube ou ben mediante a páxina de Facebook do Concello de Boiro. Así, esta medida xa estará operativa para o pleno ordinario municipal que se celebrará hoxe, ás 20.00 horas, pretendendo facilitar a comunicación.
Ao respecto, o alcalde José Ramón Romero manifesta que “desta maneira calquera que queira ver os plenos e non poida asistir poderá facelo dende o seu dispositivo móbil estea onde estea. Ademais, dende a plataforma de Youtube do concello poderanse recuperar e volver ver as sesións plenarias en calquera momento”.
Comunicación nas redes sociais
O Goberno boirense informou recentemente que están xa postas en funcionamento as redes sociais oficiais do Concello, Facebook, Twitter e Instagram, coas que se pretende “informar á cidadanía de toda a actualidade, a vida cultural, deportiva, social, etc. do municipio”. O Executivo local engadiu que as redes están a “ter moi boa acollida” e unha ampla marxe de uso como “vía de comunicación directa entre o Goberno e a veciñanza”.
En canto aos cambios previstos na web www.boiro.gal, están previstas modificacións no relativo á axenda e actividades, de xeito que a web sexa máis intuitiva e a información sexa máis sinxela de atopar.

PUBLICIDADE