Boa acollida do proxecto para crear un smartwatch 2.0

venres, 23 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Aínda que a meirande parte dos smartwatches que estamos a ver nos últimos meses busquen completar as funcionalidades dun smartphone, algúns proxectos van máis aló, e permiten que o propio reloxo de pulso sexa un smartphohe completo, o que parece que ten bastante demanda, como está a demostrar o Omate TrueSmart, lanzando a través dun proxecto de micromecenado en Kickstarter e que no seu primeiro día (concretamente en 13 horas e 11 minutos) xa conseguiu os 100.000 dólares que garanten o seu lanzamento, xuntando preto de tal cantidade diariamente, polo que podería conseguirse nun dos proxectos de máis éxito dos últimos meses.

O Omate TrueSmart é resistente á auga e ao po

Neste momento pode encargarse un destes smartwatches por 189 dólares (152,45 euros con gastos de envío incluídos), entregándose aproximadamente no mes de novembro (buscan chegar antes da campaña de Nadal) e aparte de permitir facer chamadas de voz, enviar mensaxes e comunicarse con redes sociais, pode resultar de grande utilidade durante a práctica deportiva, mentres a que sirve para facer un seguimento dos nosos percorridos ou para reproducir música, coa grande vantaxe de que é resistente á auga (IP67), polo que estaría protexido de auga e po.
As prestacións o Omate TrueSmart son realmente impresionantes, pois integra un procesador Cortex A7 de dobre núcleo a 1,3 GHz, 512 Mb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb, ten unha pantalla táctil LG de 1,54 polgadas cunha resolución de 240 x 240 píxeles, conta con conectividade 2G/3G (funciona con tarxetas micro SIM), Wi-Fi N e Bluetooth 4.0, GPS cámara de 5 Mpíxeles, altofalante e micrófono, batería de 600 mAh (duraría ata 100 horas en espera) e Android 4.2.2 (contando cunha completa serie de aplicacións para Android compatibles).
Quen estea interesado en facerse con este completo produto que, entre os seus atractivos busca tirar proveito de funcións de voz nas que tanto evolucionou Android nos últimos anos, poderá participar na súa campaña de micromecenado ata o 20 de setembro, o que permitirá facerse co dispositivo a un prezo reducido (pois o prezo comercial do smartwatch pretende ser de 299 dólares).

O Omate TrueSmart destaca por funcionar como un smartphone completo


Vídeo de presentación do proxecto de micromecenado do Omate TrueSmart