Boa acollida británica para os terminais BlackBerry Q10

martes, 30 de abril do 2013 Marcus Fernández

O pasado venres en Vigo xa se podía ver o novo BlackBerry Q10 co gallo dun obradoiro sobre BlackBerry 10

Tras unha fría recepción no mercado do BlackBerry Z10, o móbil con pantalla táctil co novo sistema operativo BlackBerry 10, daba a impresión de que os incondicionais de RIM estaban a agardar ao seu novo smartphone con teclado físico, o BlackBerry Q10, que si parece estar a ter unha mellor recepción, pois a súa fin de semana de lanzamento no Reino Unido parece ser todo un éxito, con milleiros de unidades por hora vendidas na cadea de tendas Selfridges, converténdose no produto de electrónica de consumo máis vendido na historia desas tendas e esgotando nun par de horas as existencias iniciais nos establecementos de Londres, Birmingham e Manchester.
Ao parecer, este inicio explosivo do BlackBerry Q10 podería estar provocado pola compra masiva por parte de exportadores, que estarían a adquirir lotes de máis de 20 terminais (de feito, nas tendas de Carphone Warehouse dentro da cadea Selfridge tiveron que formar dúas colas para atender por separado aos clientes que querían mercar unha ou varias unidades).
De todos os xeitos, non podemos esquecer que Selfridges non é unha cadea popular precisamente pola venda de telefonía móbil, polo que os seus rexistros de vendas serían pouco significativos, e o que parece confirmado é que os terminais Q10 non chegaron a esgotarse realmente, podendo conseguirse con certa facilidade.
Tamén podemos lembrar que o BlackBerry Q10 é un smartphone co último sistema operativo de BlackBerry, que conta con teclado físico QWERTY, pantalla de 3,1 polgadas cunha resolución de 720 x 720 píxeles, procesador de dobre núcleo a 1,5 GHz, 2 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno, saída micro HDMI, cámaras de 8 e 2 Mpíxeles, conectividade 4G, NFC, GPS, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, batería de 2.100 mAh, un grosor de 1,04 centímetros e un peso de 139 gramos, sendo o seu prezo de venda libre no Reino Unido de 579,99 libras esterlinas (684,40 euros).

PUBLICIDADE