Blusens leva Android 4.0 ao televisor a través dun pequeno dispositivo HDMI

mércores, 16 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

En 2010 Blusens presentaba a súa solución para achegar a Internet e a reprodución multimedia ao televisor, o Web:tv, produto do que conseguiron espremer o seu potencial durante moitos meses, e abondado na mesma liña presentan agora a familia SMART TV NANO, que permite integrar de xeito doado o sistema operativo Linux en calquera televisor con HDMI facilitando así a navegación web a través da conexión Wi-Fi N, así como o acceso aos milleiros de aplicacións e xogos dispoñibles en Google Play. Deste xeito podemos empregar o televisor para ver fotografías, escoitar música e reproducir vídeo (para contidos tanto na Internet como en local), consultar o correo electrónico, acceder ás nosas redes sociais e moitos usos máis propios dun ordenador, pero dos que agora poderemos gozar comodamente no salón grazas a este dispositivo compacto que inclúe un mando a distancia sen fíos con función tanto de teclado coma de rato.
O Blusens SMART TV NANO funciona cun procesador ARM Cortex A9, 1 Gb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno, Android 4.0 con soporte de contidos en Adobe Flash, conectividade USB 2.0 (tanto para acceder a unidades de almacenamento externas ou a teclados e ratos sen fíos por USB). Inclúe preinstaladas aplicacións para acceder á web, a YouTube e a Doctape, servizo de almacenamento na nube do que inclúe 25 Gb de balde, así como a aplicacións exclusivas de Blusens BLU:SHARE PLAY e BLU:SUGGEST.
Este pequeno sistema Android só mide 90 x 34 x 16 milímetros, pesa 46 gramos e xa está dispoñible na tenda en liña de Blusens por 89,90 euros.

O novo dispositivo de Blusens é unha boa solución para converter o noso televisor de alta definición nun Smart TV

PUBLICIDADE