Blusens abrazará a alta definición co seu centro multimedia G.70

luns, 15 de outubro do 2007 Marcus Fernández

Distintos blogs están a destacar esta semana que o novo catálogo de Blusens, aparte de achegarnos imaxes do que serán os seus reprodutores multimedia con navegador GPS con imaxes reais, tamén non permite botarlle un ollo ó que será a aposta da compañía por dominar o salón dos nosos domicilios cos seus centros de lecer Blusens G.70, G.71 e G.72.
O Blusens G.70 é un dispositivo moi completo que combina un disco duro extraíble, dobre sintonizador de TDT, sintonizador e reprodutor de IPTV e tamén é compatible cos formatos MPEG4, H.264, VC-1, MPEG-2 e DivX HD, polo que pode ser un complemento ideal para os televisores do salón con soporte de alta definición (pois conta con saída HDMI). Tamén inclúe conectividade Ethernet e Wi-Fi.
O novo dispositivo poderá gravar tanto no disco duro interno coma noutro que se conecte externamente a través dun porto USB, e tamén se comercializará con DVD integrado (G.71) ou Blu-ray (G.72).

PUBLICIDADE