Bluesky loita contra a suplantación de identidade

luns, 2 de decembro do 2024 Marcus Fernández

O actual sistema de auto-verificación de Bluesky facilita certo tipo de suplantación de identidade

Segundo vai medrando a adopción de Bluesky fanse máis evidentes as súas carencias, e un dos seus puntos febles agora mesmo é o sistema de verificación de identidade, baseado en boa medida en contar cun dominio de Internet, de xeito que se o noso nome de usuario responde a un nome de dominio temos certas garantías de que a conta corresponde a quen di ser.
Pero isto acontece principalmente no caso de empresas, pois con celebridades a situación complicase, e incluso faise doada a creación de nomes de dominio que axuden a dar certa verosimilitude a perfís falsos que poidan empregarse no futuro para propagar falsidades ou para realizar calotes, de aí que dende Bluesky decidisen dar un paso adiante e anunciar que están a traballar en medidas contra a suplantación de identidade.
Por unha banda, entre bambolinas están a traballar con empresas e organizacións para que utilicen dominios verificados como identificador e, de detectar casos de suplantación mediante esta técnica, borrarán as contas infractoras.
No que se refire ao equipo de moderación, en contraste coa que acontece en X, decidiron multiplicar por catro o número de persoas encargadas de tal tarefa, e procurarán seguir a incrementar este departamento para adaptarse ao crecemento de usuarios que están a experimentar.
Tamén aseguran que Bluesky está aberto a contas paródicas, satíricas ou de seareiros, pero que deberán identificarse como tales no seu nome e na súa biografía, para que sexa doado recoñecer que non son contas oficiais. No caso de que só se indique nun dos dous apartados, a conta podería eliminarse.
Rematan asegurando que están a traballar en métodos alternativas de verificación de contas.
Ao que seguen sen dar resposta é á demanda de que poida simultanearse un nome de usuario baixo o sufixo .bsky.social (o empregado de xeito predeterminado na plataforma) cun nome de usuarios asociado a un nome de dominio, pois é un risco moi elevado deixar libre o nome predeterminado de cara a futuras suplantacións.