Bloquean en España o acceso a varias páxinas web de descargas moi populares

luns, 17 de xuño do 2019 Marcus Fernández

Os provedores de acceso teñen que aplicar medidas técnicas para impedir o acceso ás páxinas web que indiquen as instancias xudiciais

O acceso a contidos musicais e audiovisuais de xeito non autorizado dende España é cada vez máis complexo, xa que cada vez son máis as sentenzas xudiciais que obrigan aos provedores de Internet a bloquear páxinas web que facilitan as descargas, converténdose esta canle unha das máis efectivas e rápidas á hora de bloquear actividades infractoras de dereitos de autor, xa que non require que os denunciantes teñan que dar cos responsables das páxinas web para emprender accións legais contra os mesmos e, en vez de atallar o problema de raíz, simplemente colocan atrancos que na meirande parte das ocasións disuaden aos usuarios de acceder a populares páxinas web de descargas.
A última das sentenzas coñecidas, do 16 de maio, obriga a Telefónica, Vodafone, Ono e Orange a «impedir o acceso dos seus clientes dende o territorio español» ás páxinas web baixo os dominios Exvagos1.com, SeriesDanko.to, SeriesPapaya.com, CineCalidad.to, Repelis.live, Pelispedia.tv, Cliver.tv, Descargasdd.com e Pepecine.me, nas que tíñanse constatado infraccións de dereitos de propiedade intelectual. Para ser efectivas as medidas ampliaranse a outros dominios, subdominios e enderezos IP que resuciten das páxinas afectadas ou que faciliten esquivar o seu bloqueo (práctica moi habitual, como podemos comprobar ao ver que a páxina Exvagos2.com está a operar actualmente con normalidade).
Con estas medidas a industria dos contidos vese cada vez máis protexida ante prácticas que se converteron en demasiado habituais e doadas, de xeito que para moitos consumidores resultaba máis doado acceder aos contidos de forma ilegal que polas canles oficiais (o que por fortuna está a mudar con servizos como Spotify ou Netflix).

PUBLICIDADE