Blockchain.gal organiza un relatorio no CESGA sobre como impulsar e adaptar a bitcoin

martes, 19 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

Blockchain.gal, comunidade galega centrada en divulgar os usos e vantaxes da nova tecnoloxía de cadea de bloques (libros de contabilidade electrónicos para seren compartidos abertamente por moreas de usuarios e que gravan todas as transaccións que se apuntan neles e sen que haxa xeito de modificalas), vai organizar no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) un relatorio sobre Lightning Network, a solución de adaptación e evolución de bitcoin. A cita é este xoves 21 de febreiro, ás 18.30 horas.
Para quen non o saiba, Blockchain.gal é unha comunidade que ten como obxectivo divulgar os beneficios das tecnoloxías relacionadas coas redes blockchain e o seu impacto na sociedade. A actividade visíbel da asociación comezou en xaneiro do ano pasado en Compostela, e logo estendeuse a outras cidades da nosa terra como por exemplo Vigo ou Coruña, desenvolvendo sesións técnicas e divulgativas sobre a dita tecnoloxía e as súas ricas e amplas posibilidades (como por exemplo a sesión do CESGA do 17 de xaneiro). Por contidos, os integrantes Blockchain.gal adoitan ir alén do tecnolóxico, abordando tamén temáticas relacionadas con aspectos legais e fiscais (tendo en conta que a cadea de bloques están na orixe e no impulso das moedas virtuais).
A sesión desta semana ten un precedente na xuntanza do 17 de xaneiro celebrada no CESGA. Esta cita orientouse a un público principalmente técnico e contaba con dúas seccións principais: unha introdución teórica ás tecnoloxías blockchain e unha demostración práctica sobre as posibilidades dos smart contracts. A primeira parte serviu de motivación para presentar e xustificar as principais fortalezas das tecnoloxías de cadea de bloques. Na parte práctica do taller sobre desenvolvemento de contratos intelixentes mostrouse como programar, despregar e interactuar con este tipo de aplicacións distribuídas a través de exemplos cos principais casos de uso actuais: desde un rexistro de dereitos de autor até unha aplicación para almacenar evidencias que garantan a rastrexabilidade de produtos durante a cadea de subministro.
As aplicacións despregáronse sobre a plataforma Ethereum e coa súa linguaxe de programación propia, a linguaxe Solidity, que foi introducida tamén durante o taller. O obradoiro tamén foi salientábel porque, malia o seu carácter técnico, foi quen de mobilizar un importante número de asistentes, amais dunha ampla marxe de interactividade co público participante.
De face ao futuro, Blockchain.gal xa deu a coñecer o seu obxectivo de seguir colaborando con institucións tecnolóxicas referenciais como o CESGA, que lle permitan difundir a tecnoloxía a públicos “cada vez máis amplos” e facer medrar a comunidade técnica de Galicia.
Entre os seus obxectivos a curto e medio prazo están a organización de eventos de maior envergadura como hackatons, xornadas de divulgación ou congresos.

PUBLICIDADE