Blizzard sobe ao barco das IA xenerativas
martes, 23 de maio do 2023
Coa emerxencia
das intelixencias artificiais xenerativas non son poucos os xogadores que temen
que iso poida facer que os videoxogos perdan a súa esencia para converterse en
produtos xenéricos carentes de orixinalidade, e dende The New York Times están
a confirmar estes temores, asegurando que Blizzard
Entertainment xa está a adestrar un xerador de imaxes con elementos de World
of Warcraft, Diablo e Overwatch, no que dan en chamar
Blizzard Diffusion (en referencia a Stable Diffusion) e que serviría para
axilizar os procesos de creación dentro dos videoxogos.
Dende Ubisoft tamén recoñecen empregar unha ferramenta chamada Ghostwriter
que produce diálogos para xogos como Assassin’s Creed, axilizando a
creación de personaxes non xogables.
Dende os estudios defenden que estas tecnoloxías poden axilizar a creación dos
xogos, permitindo reducir as tarefas máis repetitivas, e dando máis tempo para
traballos creativos, aínda que resulta innegable sospeitar que estamos unicamente
ante un argumento para agochar que a realidade é que estase a avanzar na precariedade
dun mercado laboral xa de por si moi inestable.
Cómpre salientar que dende Activision Blizzard está a advertir aos seus
traballadores de que non usen material da compañía con xeradores de imaxe
externos, ou sexa, que queren manter os procedementos internamente para evitar
problemas co copyright.