Blizzard recompensa aos usuarios máis fieis de World of Warcraft

luns, 19 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Pese a que Blizzard non realizou ningún anuncio público ao respecto, usuarios do xogo World of Warcraft están a dar conta nos seus foros de estar a recibir un agasallo para premiar a súa fidelidade, que consistiría nunha figura conmemorativa do décimo aniversario de World of Warcraft que sería unha réplica da estatua dun orco que hai fronte ás instalacións norteamericanas de Blizzard.
Na base da figura hai unha inscrición que di “a estatua do orco é unha presenza constante na nosa vida aquí en Blizzard Entertainment. É onde nos xuntamos a falar, a xantar, a celebrar... e para celebrar os 10 anos de World of Warcraft presentámoste esta mostra de gratitude, aventureiro. Grazas por ser unha presenza constante nas nosas vidas aventurándote connosco”. Deste xeito Blizzard premiaría con este agasallo físico aos usuarios americanos e europeos que se subscribiran a World of Warcraft nos seus primeiros 60 días (e mantivesen a subscrición até hoxe), remitíndose xa aos usuarios norteamericanos a correspondente información de seguimento do paquete coa estatua, mentres que o agasallo para os usuarios europeos demorará uns días máis (agardan remitilo durante o que resta de mes).
A grande sorpresa desta recompensa é que non se anunciara publicamente en ningún momento, e que en poucas ocasións as compañías premian aos usuarios máis fieis, centrando as súas políticas de mercadotecnia na captación de novos subscritores. Que Blizzard decidise celebrar os 10 anos de WoW cun obxecto físico é algo que sen dúbida agradecerán os seus seareiros, e contribuirá á boa imaxe que a compañía ten no sector dos videoxogos.

A base da figura inclúe un texto de agradecemento aos subscritores máis fieis de World of Warcraft

PUBLICIDADE