Blackphone, un novo smartphone orientado ás comunicacións seguras

martes, 25 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

O Blackphone presentouse estes días no marco do Mobile World Congress de Barcelona

A empresa madrileña Geeksphone xuntou forzas con Silent Circle para desenvolver Blackphone, o que aseguran que é o primeiro smartphone que deixa a privacidade e o control directamente nas mans do usuario, podendo xa encargarse libre por un prezo de 629 dólares (458 euros) e estando en breve dispoñible a través de varios operadores móbiles europeos, buscando satisfacer a demanda de smartphones seguros, especialmente no ámbito corporativo.
O Blackphone é un smartphone de gama media bastante completo, cunha pantalla IPS de 4,7 polgadas de alta definición, procesador de catro núcleos a máis de 2 GHz, 2 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno, cámara traseira de 8 Mpíxeles con flash e cámara frontal de 1,3 Mpíxeles, Bluetooth 4.0, Wi-Fi N, GPS e incluso 4G (LTE), que destaca especialmente polo seu software, xa que funciona con PrivatOS, unha variante de Android moi segura (evita o seu rastreo, ten activadas todas as opcións de privacidade, evita conectarse a redes Wi-Fi inseguras, permite controlar os permisos das aplicacións, as súas funcións de borrado remoto e anti-roubo non precisa dunha conta de usuario centralizada na nube e conta con numerosas ferramentas de comunicación privada). Estas últimas aplicacións de comunicación son precisamente as desenvolvidas por Silent Circle, que permiten intercambiar mensaxes de texto, facer chamadas, establecer video-conferencias e mesmo transferir arquivos de ata 100 Mbytes de xeito seguro e privado. Co smartphone inclúense 3 subscricións independentes de 1 ano ás aplicacións de Silent Circle, para facilitar as comunicacións seguras con amigos ou parentes que conten con móbiles iPhone ou con Android.


Vídeo de presentación do Blackphone

PUBLICIDADE