BlackBerry presenta un novo smartphone baseado en Android
martes, 26 de xullo do 2016
BlackBerry
continúa a lanzar novos smartphones baseados en Android, pero en vez da BlackBerry
Priv (terminal cun prezo desorbitado, que non gozou do favor do mercado)
optan agora por personalizar o software do Alcatel Idol 4 e presentalo como o novo DTEK50,
que cos seus 7,2 milímetros de grosor presume de ser o smartphone de BlackBerry
máis delgado até o momento, e que xa pode reservarse
dende España a un prezo de 339 euros, chegando aos consumidores nun par de
semanas.
Co DTEK50 buscan ofrecer o mellor de Android 6.0 (como o seu inmenso catálogo
de aplicacións) combinado coa seguridade propia de BlackBerry, destacando dende
BlackBerry que lle engadiron un botón para acceder ás aplicacións e tarefas
máis frecuentes, os widgets poden
verse de xeito emerxente na pantalla de inicio, integra un buscador para
localizar ficheiros e aplicacións axilmente, fai uso de accións instantáneas
(para poder efectuar rapidamente chamadas, envíos de correos electrónicos,
consultar rutas...) e tamén achega control por xestos.
Pero o punto forte do Android personalizado por BlackBerry é a súa seguridade,
que chega de xeito predeterminado, de xeito que resultará moi complicado que se
poida colar no dispositivo algún malware, recibirá parches de seguridade
frecuentes e achegará un grande control da privacidade.
A nivel de hardware o BlackBerry DTEK50 vén a ser un smartphone con pantalla
Full HD de 5,2 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 617 de oito núcleos e
64 bits, 3 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno (ampliable mediante
tarxetas de memoria de até 2 TB), cámaras de 13 e 8 Mpíxeles, 4G, Wi-Fi AC,
Bluetooth 4.2, NFC, batería de 2.610 mAh con carga rápida (que promete unha
autonomía de uso mixto de 17 horas) e 135 gramos de peso, que de lanzamento
entregarase cunha batería externa de 12.600 mAh a xeito de cargador (que pode
cargar dous trebellos á vez).
Actualmente ese dispositivo sen a personalización de BlackBerry pode adquirise
por uns 300 euros, pero dado que o DTEK50 inclúe a mencionada batería externa,
e chega cun compromiso de actualizacións do seu software pode resultar unha
compra bastante atractiva para quen queira un smartphone con Android de gama
media.
Vídeo de presentación do BlackBerry DTEK50