Bioshock 2 sairá o 9 de febreiro de 2010

venres, 18 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Bioshock foi un dos xogos máis importantes para PC e Xbox 360 en 2007 e hai poucos meses tamén chegou á PlayStation 3. Agora que xa está consolidado coma xogo multiplataforma só quedaba agardar á súa secuela, Bioshock 2, que finalmente chegará ás tendas o 9 de febreiro de 2010 segundo anunciou 2K Games.
Aínda que pareza un pouco raro deixar pasar a tempada de Nadal para o lanzamento do título, no presente ano demostrouse que febreiro é un mes ideal para fortes lanzamentos (coma Resident Evil 5 ou Street Fighter IV) xa que no último trimestre do ano acumúlanse excesivos títulos nas tendas, que compiten moi duro, de aí que normalmente sexa posible acadar unhas mellores vendas de saír nun mes no que non hai tantas novidades de peso.
Bioshock 2 ofrecerá non só un excelente modo de xogo fóra de liña (no que encarnaremos a un Big Daddy, o que de por si resulta abraiante, dado que este tipo de personaxes eran os inimigos no xogo orixinal), senón que tamén apostará polo multixogador, aínda que neste último caso en vez de situarnos 10 anos despois dos acontecementos de Bioshock funcionará coma precuela (deixando que os participantes controlen a personaxes elixidos para probar os plásmidos de Sinclair Solutions).

PUBLICIDADE