BioIncubatech contará con recursos físicos e dixitais para converternos en referentes bio

martes, 15 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

JPEG - 170.1 KB
Presentación de BioIncubatech hoxe en Compostela/ Imaxes de Santi Alvite

Hoxe presentouse en Santiago a primeira convocatoria de BioIncubatech, primeira bioincubadora de Galicia e, segundo lembraron as entidades responsábeis da súa posta en marcha (USC con financiamento da Fundación INCYDE e a Axencia Galega de Innovación, GAIN), “a única en España especializada nos ámbitos de actuación da saúde e as tecnoloxías alimentarias”. O acubillo-laboratorio empresarial, que conta coa Cámara de Comercio de España e Uninova como socias, ten o obxectivo primordial de fomentar a transferencia nos devanditos eidos de investigación. Ou sexa, a aplicación real do coñecemento xerado nos grupos de investigación a empresas concretas, reais e con presenza no mercado.
Acompañando esta liña de actividade poranse en xogo recursos físicos (unha sede propia no edificio Emprendia, un amplo abano de infraestruturas científicas a disposición dos proxectos beneficiados, etc) e dixitais. Entre estes últimos sitúase a páxina web www.bioincubatech.com, que se presenta en tres idiomas e con múltiples ferramentas e servizos de apoio para o noso emprendemento biotecnolóxico, e máis as canles nas redes sociais de meirande uso.
A USC presentou este martes 15 a primeira convocatoria de BioIncubatech nunha sesión presidida polo reitor Antonio López Díaz, e á que tamén asistiron a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey Vilar; o alcalde do concello de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a directora de Proxectos FEDER da Fundación INCYDE, Natalia Vázquez Poza; e o vicepresidente segunda da Cámara de Comercio de Santiago, José Carballo García.
A convocatoria, aberta ata o próximo 15 de novembro, está dirixida a microPEME e proxectos empresariais do ámbito biotecnolóxico, nas áreas de saúde e tecnoloxías alimentarias, “cun enfoque innovador e diferenciador con respecto a outras solucións existentes no mercado”, segundo fixo saber a USC, salientando que as propostas poderán presentarse en catro apartados: preincubación, incubación, aceleración e incubación virtual. As candidaturas recibidas serán avaliadas pola comisión de dirección operativa de BioIncubatech.
Segundo informou a USC, a singularidade de BioIncubatech con respecto a outros programas de incubación e aceleración de empresas “radica na combinación de oferta de espazo, acceso a infraestrutura científicas e programas de apoio”, tal e como explicou na súa presentación José Luis Villaverde, director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC e responsábel do proxecto, que engadiu que “mentres outras aceleradoras ofrecen espazo e financiamento directo, en Bioincubatech ponse a disposición dos novos proxectos empresariais unha infraestrutura científica e unha serie de programas de apoio que poden incidir en aspectos como a protección e incorporación de nova tecnoloxía (patentes), na internacionalización da actividade ou na conformación dos equipos directivos, por mencionar so algúns casos”.
A iniciativa, cuxa sede está situada no edificio Emprendia da USC, ofrece apoio e espazo para a incubación tanto de micropemes como de proxectos do ámbito biotecnolóxico: espazos de traballo privativos (laboratorios e oficinas); instalacións e equipamentos especializados en réxime compartido (salas: branca, de cultivo celular, de bioloxía molecular, de equipamentos de gran volume e de almacenamento de mostras); ademais de programas coordinados de apoio no ámbito da transferencia de tecnoloxía, desenvolvemento de negocio, internacionalización e financiamento.

PUBLICIDADE