Betanzos quenta motores para comezar os cursos de formación TIC, no verán

venres, 26 de xuño do 2009 Raquel Noya

Unha vez máis, a Rede de Dinamización da Sociedade da Información, na súa teima por achegarlle as novas tecnoloxías a toda a sociedade galega e rematar dunha vez por todas coa fenda dixital existente no medio rural e en torno a determinados grupos sociais (anciáns, mulleres...), vén de anunciar a súa programación de actividades para o vindeiro mes de xullo no Concello de Betanzos, aproveitando que os nenos e nenas están de vacacións e teñen máis tempo para adentrarse no inquedante mundo das novas tecnoloxías.
Os obradoiros que se van desenvolver e as datas nas que terán lugar son os seguintes:
-Mecanografía para nenos/as: aprender a manexar con soltura o teclado é a finalidade deste obradoiro. Os días 1, 2, 3, 6, 7, 8, 9 e 10 de xullo de 10 a 11:15.
-Búsqueda de emprego a través da Internet: con esta actividade preténdese que o usuario/a ao finalizar este obradoiro sexa capaz de identificar as ferramentas necesarias para elaborar un currículo e promocionalo pola Internet. Desenvolverase os días 1, 2, 3, 6, 7, 8, 9, 10 de 11:30 a 13 horas.
-Creación de blogs: o usuario/a será capaz ao finalizar este obradoiro de crear e manter o seu propio blog. Os días 13, 14, 15 e 16 de 9:30 a 11.
-Alfabetización dixital: Informática e Internet: aprender a manexar de forma básica un computador, así como acceder a Internet son os obxectivos que se perseguen. Os días os días 20, 21, 22, 23, 24, 27, 28 de 9:30 a 11:30.
-Procesador de textos: Writer: o usuario/a ao finalizar este obradoiro será capaz de crear e modificar un documento de texto empregando o OpenOffice Writer. Levarase a cabo os días 20, 21, 22, 23, 24, 27, 28 de 12 a 13:30.
Asemade, está prevista a realización da charla Prensa en Internet, que terá lugar o día 6 de xullo a partir das 15 horas. Tamén se levará a cabo a iniciativa Receitas para o verán, que ten como finalidade a creación dun recetario en liña por parte dos participantes.
O prazo de inscrición para parar participar nestas actividades está aberto dende o pasado 18 de xuño.
Para máis información, os interesados poden dirixirse ao Centro de Dinamización de Betanzos, sito na rúa Emilio Romay, s/n, enviar un correo electrónico ou chamar ao teléfono 981 771 300.

PUBLICIDADE