Benestar organiza unha xornada sobre protección da nenez en Internet

xoves, 5 de xuño do 2008 Raquel Noya

Se ben é certo que a día de hoxe nin os adultos máis experimentados nas novas tecnoloxías estamos cen por cen protexidos á hora de navegar pola Rede, no caso dos e das menores, o perigo de dar con contidos perigosos para a súa integridade é moito maior, sobre todo ao ter certo grao de inocencia que os fai confiar en persoas nada recomendables para eles.
Páxinas para adultos, venda de drogas, anuncios pedófilos, perigosas dietas milagre, roubo de datos, perda de privacidade ou sectas prometendo ter a solución para o que eles consideran o gran problema das súas vidas... son os contidos mais habituais cos que os nosos cativos se poden dar de cheo se non se vixían de preto mentres navegan por Internet.
A Secretaría Xeral do Benestar da Vicepresidencia, a prol de loitar contra o problema da inseguridade que vai en aumento, vén de anunciar que mañá venres, 6 de xuño, vai levar a cabo en Santiago de Compostela a xornada Infancia e Internet: Prevención e detección de situacións risco, un evento no que se analizarán as problemáticas xeradas polo uso das novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TICs) na infancia.
O acto terá lugar no Edifico Administrativo San Caetano da capital galega e dará comezo ás 10:00 horas coa intervención de Mª Xesús Lago Vilaboa, secretaria xeral de Benestar.
A continuación, o fiscal provincial de Pontevedra e delegado do Servizo de Criminalidade informática, Luis María Uriarte Valiente, ofrecerá un relatorio sobre os Hábitos de Internet en menores e o xeito de prever e detectar as condutas de risco seguidas polos mesmos.
Posteriormente, ás 12:00 horas, terá lugar, da man do fiscal de menores de Pontevedra o relatorio Delitos na Rede que advertirá aos asistentes da (xa sabida por todos) presenza de persoas delitivas en Internet que poden facer dano tanto aos menores como aos adultos por máis experiencia que teñan coas novas tecnoloxías.

PUBLICIDADE