Belkin pon á venda un receptor Miracast

martes, 31 de decembro do 2013 Marcus Fernández

Entre as especificacións de dispositivos como o último Nexus 7, o HTC One, o Samsung GALAXY Note III, o GALAXY S III/4, o Nexus 5 ou o LG Optimus G (entre moitos outros) figura unha tecnoloxía chamada Miracast, que facilita levar a imaxe do móbil a certos televisores compatibles, pero agora, grazas a un adaptador de Belkin, podemos aproveitar esta tecnoloxía de transmisión sen fíos dende calquera televisor que conte cun porto HDMI libre.
O Belkin Miracast Video Adapter (F7D7501) permite amosar a pantalla do smartphone nun televisor de alta definición sen empregar cables, para poder gozar de películas, fotografías, videoxogos e aplicacións; soporta resolucións de ata 1.080p (para poder ver as fotografías con grande detalle); a súa instalación é doada (chega con conectar o dispositivo a un porto HDMI dun televisor); e o seu formato pequeno fai que sexa practicamente invisible mentres está posto no televisor. Está xa dispoñible en EE.UU. a un prezo de 79,99 dólares (58 euros) e espérase que en breve poida adquirirse en Europa.

PUBLICIDADE