Belief & Betrayal: aventura gráfica para seareiros das novelas de misterio

xoves, 2 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

Os videoxogos son cada vez máis (se é que algunha vez deixaron de selo) material de primeira liña para a evasión. Na súa orixe, fóra de toda dúbida, están as novelas a aventuras, as que levaban aos seus lectores a países onde, non fondo, ben sabían que non ían poñer endexamais o pé. Algo disto hai na nova achega de Friendware e DTP AG, Belief & Betrayal, algo de evasión e gañas de situar ao persoal na pel de xente ficticia con algo transcendente abondo (segredos, misterios, códigos) entre mans. O caso é que o xogo, que parte dun asasinato (o do tío Frank) e da súa posterior investigación (que é cousa nosa), lévanos por unha serie de enclaves (Londres, Venecia, Roma, catedrais, antigas bibliotecas e libros heréticos ou esotéricos que se lle escamotearon á Inquisición) á procura do culpable da devandita morte.
O novo produto de Friendware, unha aventura clásica en 3D, aparece no mercado cun deses subtítulos que tanto gustan aos editores de best-sellers actuais (El medallón de Judas), xente –os editores destas novelas- que semella non deixar pasar nin unha oportunidade de publicar unha obra que teña relación máis ou menos directa o triángulo esotérico e temático por excelencia: cátaros-templarios-evanxeos malditos.
O xogo, que de feito ten feitura de novela de misterio e máis concretamente de obra antiga (a portada semella a de un deses amenos libros cos que xogaba o monxe tolo de O nome da rosa), inclúe secuencias cinemáticas, voces ao completo en castelán e un prezo que a algúns lles parecerá accesible e a outros non tanto: 29,95 euros. A idea dos responsables do produto é poñelo nas tendas a semana que vén.

PUBLICIDADE