Beatriz Martínez, enxeñeira de Red Hat, participa este xoves en Lugo ao abeiro de Girl STEM

xoves, 10 de outubro do 2019 Redacción

Beatriz Martínez, enxeñeira do equipo Solutions Architets da multinacional tecnolóxica Red Hat profesional especializada en crear sistemas para xestionar nubes de almacenamento de datos, será a protagonista do programa de actividades de Girl STEM este venres 11 de outubro. En virtude da súa participación no programa, impulsado por AGASOL e AMTEGA para derrubar muros en materia de vocacións TIC femininas, Beatriz Martínez falará ante o alumnado de Lugo a partir das 11.30, na sede de Afundación en Lugo (o 16 da praza Maior). Participarán mozas e mozos de terceiro e cuarto da ESO e primeiro de Bacharelato do IES Gregorio Fernández de Sarria e o CPI Ramón Piñeiro de Lugo.
Tras unha breve presentación a conta de Nía Maneiro, educadora e socióloga experta en xénero, Beatriz Martínez lanzarase a desmontar prexuízos sobre a relación entre as mulleres e as profesións científico-tecnolóxicas, achegando datos e exemplos inspiradores. Logo, abrirase un espazo para preguntas e o debate coas rapazas e rapaces dos institutos convocados.
Con esta iniciativa conxunta entre AGASOL e AMTEGA, quérese contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino representa tan só o 25%. Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola dita axencia.
Quen é Beatriz Martínez
Cunha dilatada experiencia no sector das telecomunicacións, Beatriz intégrase no equipo de Solutions Architets de Red Hat para apoiar as áreas de Cloud e Infraestrutura, traballando con sistemas de almacenamento de datos para grandes empresas en todo o mundo. A súa traxectoria profesional multidisciplinar, en diferentes posicións na industria, permitíronlle desenvolverse e comprender os retos e necesidades arredor de distintos ámbitos relacionados coa enxeñería das telecomunicacións, tanto no desenvolvemento técnico como de negocio.

PUBLICIDADE