Bayonetta sorprende entre os Xogos con Gold de agosto

mércores, 26 de xullo do 2017 Marcus Fernández

A selección de Xogos con Gold que recibirán os subscritores de pagamento de Xbox LIVE durante o mes de agosto é bastante discreta no que a xogos de Xbox One se refire, pero nos títulos retrocompatibles de Xbox 360 a cousa é bastante diferente, sendo especialmente rechamante a presenza de Bayonetta, título de grande éxito no seu día e que o pasado mes de abril estreou versión para PC a través de Steam, ou sexa, que transmítese a sensación de que estarían a preparar un rexurdimento da franquía como xogo multiplataforma, afastándose do que aconteceu con Bayonetta 2 (xogo exclusivo de Wii U).
A versión de Bayonetta para Xbox 360 estará dispoñible na primeira quincena de agosto, dando así unha nova oportunidade de gozar deste beat’em up con reminiscencias que pode lembrar á saga Devil May Cry, e que está protagonizado por unha carismática bruxa, última do seu clan, que ten que manter o equilibrio entre luz e escuridade enfrontándose a anxelicais inimigos e rivais de tamaño titánico, para o que combina ataques de acción frenética.
Durante a segunda quincena de agosto o xogo de Xbox 360 que estará dispoñible tampouco é insignificante, pois trátase de Red Faction: Armageddon¸ título de acción, aventura e disparos de Volition no que haberá que salvar Marte dun antigo mal, para o que haberá que sobrevivir a hordas de inimigos aos que podemos enfrontarnos nunha campaña en solitario ou colaborando con varios amigos.
Os xogos de Xbox One de agosto serán o curioso Slime Rancher (xogo independente dispoñible para ordenadores persoais como acceso anticipado dende primeiros de 2016) e Trials Fusion (unha entrega máis da serie Trials que continúa a permitirnos realizar auténticas proezas sobre dúas rodas).

Vídeo promocional dos Xogos con Gold de agosto

PUBLICIDADE