Batman: Arkham Knight non estará recomendado para menores de 17 anos

mércores, 25 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

O xogo Batman: Arkham Knight está a incrementar a súa expectación, pois tras desvelarse que a Xunta de Clasificación de Software de Entretemento (ESRB) cualificou o título cun M (de xeito que non é recomendable para menores de 17 anos polos seus contidos de temática suxestiva, a súa linguaxe, e a aparición de sangue e violencia) decidiron publicar un impresionante trailer no que o Espantallo reivindica a propiedade da cidade de Gotham, que conta coa aparición de numerosos malvados do universo do cruzado da capa.
Nun primeiro lugar, que o xogo non estea recomendado para nenos é algo que se recibe moi positivamente por parte dos seareiros da saga desenvolvida por Rocksteady, xa que supón que o estudio traballou no xogo libremente e non centrándose en conseguir unha clasificación por idades determinada, tal e como confirmou a IGN o director do xogo, Sefton Hill.
O resto de entregas da saga Batman: Arkham recibiran un T, ou sexa, que non estaban recomendados para menores de 13 anos, pero dado que estes saíron hai un anos, é de agardar que os seareiros da saga medrasen coa mesma de xeito que agradecerán que o novo título sexa máis adulto e escuro que os anteriores. É a historia a que leva a que o peche da triloxía leve a un maior nivel de violencia, pois desta volta os malvados de Gotham unen as súas forzas para rematar con Batman, de aí que os contidos considerados como non aptos para menores de 17 anos non sexan precisamente gratuítos.
Hill recoñeceu ter recibido presións da Warner Bros. para manter o xogo apto para maiores de 13 anos, pero iso implicaría a perda de momentos chave na historia que querían contar, e finalmente optaron por non mutilar esta produción, xa que consideraron que non estaba dirixida a un “mercado masivo”, polo que incrementar a idade recomendada do mesmo non tería por que supor un grande impacto para as vendas como acontece noutros xogos.
Parece que o ruído causado pola publicación da valoración da ESRB foi a que impulsou a estrea do novo trailer do xogo, que resulta moi prometedor, xa que presenta a numerosos personaxes como Dúas Caras, o Pingüín, Riddler, Harley Quinn, Poison Ivy, o Espantallo ou o novo Arkham Knight (antagonista de Batman creado para a ocasión), facendo máis difícil a espera até o 2 de xuño, cando o xogo chegará nas súas versións para PS4, Xbox One e PC.


Novo trailer do xogo de Rocksteady Studios

PUBLICIDADE