Barcelona prepara a saída do Internet Global Congress máis participativo

venres, 13 de abril do 2007 Raquel Noya

Do vindeiro 16 ó 19 de abril terá lugar en Barcelona a novena edición dun dos congresos de referencia sobre innovación e coñecemento na sociedade dixital en España, o Internet Global Congress, un evento que achegará a esta cidade a máis de 2.500 profesionais que, nesta ocasión, tratarán de demostrar que “as novas tecnoloxías non son unha moda, senón unha necesidade” tal e como explicou ante os medios Vicen Gasulla, o director xeral da Fundación Barcelona Dixital, a entidade organizadora.
Un dos principais obxectivos deste congreso é fomentar o interese das empresas por incorporar as TIC, sobre todo as pequenas e micro empresas que, a día de hoxe, seguen a ver ás novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) “como un custo máis ca un investimento”.
Ó longo das oito edicións anteriores do IGC, este acto social converteuse nun espazo de encontro e relación entre os asistentes, relatores, empresarios e autoridades, todos eles especialmente atentos ó desenvolvemento da Sociedade da Información e interesados en compartir solucións para optimizar os seus recursos e aproveitar ó máximo as vantaxes que supoñen as novas tecnoloxías.
Innovación, coñecemento, experiencias, casos prácticos ou os máis avanzados produtos e servizos terán o seu espazo de referencia nesta edición do IGC, que contará (entre outras cousas) con keynote speakers e expertos de recoñecida traxectoria profesional a nivel internacional, que exporán temas de actualidade nas sesións plenarias.
Ademais, ó longo destes catro días, celebraranse preto de 125 relatorios agrupados en diferentes áreas e entregaranse os premios IGC a aqueles profesionais e empresas dedicadas á investigación e á innovación no eido de Internet e as novas tecnoloxías.

PUBLICIDADE