Bandai venderá para o Nadal un robotiño cunha webcam integrada

venres, 20 de outubro do 2006 Marcus Fernández

Os xoguetes e a alta tecnoloxía están separados por unha liña moi fina, como se pode ver co novo produto da xogueteira Bandai, que venderá a partires do 16 de decembro no Xapón unha cámara robotizada (ou un robot cámara) chamada NetTansor.
O dispositivo é unha webcam motorizada que transmite o seu sinal a través de Wi-Fi, e que aproveita as comunicacións IEEE 802.11b/g de xeito bidireccional para o seu control (atendendo incluso a ordes de voz) e incluso integra un sistema de recoñecemento de imaxes para evitar chocar con obstáculos.
O robotiño-cámara mide só 29 centímetros de alto e pesa 980 gramos, aínda que se vende a un prezo un tanto elevado para os cativos (50.000 iens, ou sexa, uns 335 euros). Iso si, parece unha creación máis dirixida a fisgóns e curiosos que a rapaces.

PUBLICIDADE