Bandai Namco protagoniza o novo Humble Bundle

martes, 31 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Xusto na semana na que coñecemos a nova do pasamento de Masaya Nakamura, fundador de Namco, dende Humble Bundle lanzan un lote de xogos de Bandai Namco, que estará dispoñible durante un par de semanas, e que cos ingresos das súas vendas recadará fondos para as entidades solidarias Extra Life, Save The Children e Child’s Play.
Os usuarios que acheguen un mínimo de 1 dólar recibirán tres xogos de Bandai Namco, que comezan por todo o grande cunha revisión dun clásico, Pac-Man 256, que chegará acompañado por Ace Combat: Assault Horizon na súa edición mellorada e Enslaved: Oddyssey to the West, na súa edición Premium.
Quen pague máis da media (menos de 7 euros no momento de escribir estas liñas) poderán incorporar á súa colección de xogos en Steam o xogo de condución Project CARS, o título de estratexia Warhammer 40.000: Eternal Crusade e o xogo de loita Naruto Shippuden: Ultimate Ninja Storm 3 Full Burst, aos que unirase algún xogo máis dentro dunha semana.
Finalmente os que paguen a partires de 15 dólares (algo máis de 14 euros) recibirán Tales of Zestiria e un lote con 12 elementos descargables para Project CARS. Adicionalmente tamén existe a posibilidade de pagar 35 dólares (uns 33 euros) para engadir ao lote en pedido anticipado o xogo Little Nightmares, aventura de Tarsier Studios que espérase que vexa a luz o 28 de abril.

Pac-Man 256 destaca entre os xogos deste novo Humble Bundle

PUBLICIDADE