Baixas vendas no lanzamento de PlayStation VR2

venres, 31 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Tras o rotundo fracaso das PlayStation VR (casco de realidade virtual que lanzouse con demasiadas limitacións, debidas principalmente á reducida potencia da PlayStation 4 para correr experiencias de VR) Sony quixo dar unha segunda oportunidade a esta tecnoloxía agora que a PlayStation 5 conta con potencia dabondo para poder ofrecer unha boa experiencia, e en febreiro puxo á venda as PlayStation VR2.
Quedaba agora saber se este accesorio para PS5 cun prezo oficial de 599,99 euros conseguía convencer a un número de xogadores dabondo para que existan un mercado que posibilite realizar desenvolvementos de realidade virtual en consola, e os primeiros datos de IDC non son nada optimistas, xa que falan de que en pouco máis dun mes conseguiron vender 270.000 unidades de PlayStation VR2, moi lonxe dos 2 millóns de unidades que Sony pretende vender co lanzamento deste produto, e aínda que parece razoable pensar que superarán os 5 millóns de unidades que vendeu o primeiro modelo de PlayStation VR, dá a impresión de que até que saia algún xogo de VR que sexa una auténtico reclamo vai ser complicado que se disparen as vendas.
Algúns medios apuntan a que un accesorio como o sensor de movemento Kinect para consolas Xbox vendeu 8 millóns de unidades nos seus 2 primeiros meses, e rematou desaparecendo das consolas de Microsoft, de aí que sexa razoable pensar que a aposta de Sony foi demasiado arriscada, destacando que as experiencias de realidade mixta que quere vender Meta están aínda a moitos anos de distancia (podendo tardar incluso décadas en ser viables).
En calquera caso é moi cedo para sacar conclusións, especialmente porque as PSVR2 aínda non estiveron á venda durante a campaña de Nadal, cando poden ter unhas vendas importantes.

PUBLICIDADE