BOOX presenta un novo lector de libros electronicos con Android

mércores, 28 de agosto do 2024 Marcus Fernández

Para os amantes dos lectores de libros electrónicos máis tradicionais chega unha curiosa alternativa, o lector BOOX Go 6, que estará dispoñible a partir do 19 de setembro a un prezo de 169,99 euros, e que destaca por poder correr aplicacións para Android.
Este curioso lector de libros electrónicos ten unha pantalla E Ink Carta 1300, que presenta unhas imaxes nítidas grazas á súa resolución de 300 puntos por polgada, ten un grosor de só 6,8 milímetros e só pesa 146 gramos, polo que resulta moi cómodo para sesións de lectura prolongada, que non ten que limitarse a documentos nun dos 26 formatos de documentos que soporta (e que incluso poden cargarse a través de tarxetas microSD), senón que tamén pode tirarse proveito de contidos achegados a través de aplicacións para Android como Flipboard ou Pocket, así como diarios en liña, aínda que tamén haberá quen aproveite as funcionalidades do dispositivo para escoitar podcasts.
O BOOX Go 6 funciona cun procesador de 8 núcleos a 2 GHz, ten 2 GB de RAM e 32 GB de almacenamento interno, a súa pantalla monocromo ten iluminación frontal axustable, a súa batería de 1.500 mAh promete unha longa autonomía e, pese a estarmos ante un produto novo, funcionará con Android 12, o que permite un uso máis amplo que o dun simple lector de libros electrónicos.
Para os interesados neste tipo de produtos BOOX tamén lanzou recentemente un lector con pantalla de 10,3 polgadas e outro cunha pantalla a cor de 7 polgadas, aínda que son lectores nun rango de prezos moi diferente.

Vídeo do desempaquetado do BOOX Go 6