BIC Galicia organiza un encontro en liña para mellorar o impacto económico da I+D

martes, 29 de novembro do 2011 Raquel Noya

A relatora, Laura Schoppe, durante unha sesión demostradora

A Consellaría de Economía e Industria, da man de BIC Galicia, o seu organismo dependente encargado de apoiar e consolidar o tecido empresarial galego e darlle pulo á creación de novas empresas, vai levar a cabo un encontro formativo en liña para investigadores e emprendedores do noso país, que se desenvolverá mañá, 29 de novembro, a partir das 18:00 horas.
Para este peculiar encontro, a entidade pública escolleu un formato innovador, o chamado webinar, que lle permite ás persoas asistentes interactuar entre si con flexibilidade de localización así como compartir unha conferencia en tempo real, coma neste caso, dende Estados Unidos.
Este webinar, que leva por título, Fundamentos de patentes para investigadores e emprendedores no ámbito da enxeñaría, vai dirixido a investigadores, emprendedores de base científico-tecnolóxica e técnicos de transferencia de tecnoloxía, e será dirixido por Laura Schoppe, presidenta de Fuentek, compañía americana especializada na xestión e comercialización de tecnoloxía e propiedade industrial.
O obxectivo desta actividade en liña é mostrar as oportunidades globais de transferencia tecnolóxica que xera a innovación aberta e achegar directrices para saber identificalas e aproveitalas.
Para iso, Laura Schoppe analizará o modelo de innovación aberta e as claves para implementala con éxito.
A relatora, como presidenta de Fuentek, axudou con éxito a universidades e entes públicos e privados, para xestionar a súa propiedade intelectual e a súa tecnoloxía “de forma proactiva, eficiente e eficaz”, aseguran dende a Consellaría, e porá os seus coñecementos a disposición do tecido investigador galego para que estes resolvan tódalas dúbidas que se lle presenten en materia de innovación.
Asemade, dende BIC Galicia xa anuncian que o vindeiro 14 de decembro se vai organizar outra sesión da mesma liña didáctica, desta volta sobre a creación dunha start-up de base científico tecnolóxica, que será dirixida por Nick Rodgers, socio director de IPSO Ventures.

PUBLICIDADE