BBVA recoñece a OpSeeker como a mellor startup da nosa terra no ámbito fintech

xoves, 11 de maio do 2017 Fernando Sarasketa

A novena edición do BBVA Open Talent, o certame da entidade financeira que se dirixe a atopar as máis puxantes iniciativas empresariais do ámbito fintech (ou sexa, do ámbito de aqueles servizos financeiros que se serven das novas tecnoloxías para facilitar o día a día do cliente), vén de premiar a OpSeeker como a mellor startup do sector en Galicia, nunha competición celebrada onte en Vigo. A gañadora, unha proposta empresarial que se adica á planificación financeira en liña, obtivo un recoñecemento de 1.000 euros e a posibilidade de participar na final do certame, que se celebrará no Centro de Innovación de BBVA no mes de xuño. Este concurso global estase a complementar con seis edicións por comunidades, entre as que se insire a competición galega que se resolveu en Vigo.
O xurado estaba integrado por Rosa Eguizábal, directora de Promoción Económica no Consorcio da Zona Franca de Vigo; Lalo García, director de Conector Galicia; Pedro Núñez, director xeral de Vigo Activo; Ana de Prado, responsábel de Marketing de Kaleido Ideas & Logistic; e Miguel Escánez, de BBVA Open Innovation.
O director de Zona de BBVA en Galicia Sur, Marcos Fernández, foi o encargado de entregar o premio á startup gañadora e comentou que as iniciativas tan innovadoras como OpSeeker están a xerar “un gran valor engadido na economía galega”.
OpSeeker é unha empresa constituída en Santiago de Compostela en xullo de 2016. Dous dos seus catro fundadores son naturais da capital galega, outro de Madrid e outra da República Checa. Gonzalo Camiña, director executivo da nova firma, asegurou que “estamos a crear unha nova maneira de planificar as finanzas, onde non se tentan vender produtos, senón que os vehículos de investimento son os que de verdade precisan os usuarios”.
Segundo informa o BBVA, os gañadores xa lograran previamente a cuarta praza no concurso de bitácoras na categoría de mellor blogue do sector financeiro e foron seleccionados polo ICEX e Rede.es para participar no 4YFN do Mobile World Congress de Barcelona.
Na final de Madrid elixirase a un gañador estatal, que participará en Finnosummit, que se celebrará en Cidade de México no mes de setembro. As mellores iniciativas de cada país participante (oito de América Latina, unha por parte de España e outra por parte de Turquía) participarán neste evento de dous días, onde realizarán unha presentación-adestramento e terán a axuda dun mentor de BBVA. O gañador desta competición internacional logrará un premio de 30.000 euros, unha semana de encontros en Madrid con áreas e executivos do banco e a posibilidade de participar no BBVA Global Summit.

PUBLICIDADE